Entradas

Concurso de manualidades, apócemas e relatos de terror polo Samaín

Imagen
 O Equipo da Biblioteca do CPI Cabo da Area convocou, con motivo da celebración do Samaín, unha serie de certames nos que o alumnado do centro tivo ocasión de demostrar a súa creatividade. Así, os/as estudantes de educación infantil e primeiro ciclo de primaria participaron no concurso de manualidades terroríficas. Os seus gañadores foron Luan Castro Mouzo (5º EI) e Laura Suárez López (2º EP), respectivamente.  Pola súa parte, o alumnado do segundo ciclo de primaria inscribiuse no certame de apócemas, resultando gañadora Shaila Pereiro Lema (3º EP); mentres que os estudantes do terceiro ciclo e o alumnado de educación secundaria demostraron as súas destrezas creativas no concurso de relatos de terror, que gañaron Alejandra Romero Vázquez (5º EP) e Adrián Calo Suárez (3º ESO). Parabéns a todos e todas!    Samaín 2025

Sesión de lecturas terroríficas na biblioteca de secundaria

Imagen
Co gallo da celebración do Samaín, o alumnado de 1º, 2º e 3º ESO reuniuse na biblioteca do edificio de secundaria (debidamente decorada para a ocasión) para compartir cos seus compañeiros e compañeiras a lectura de relatos de terror orixinais creados polos mesmos estudantes.      A sesión tivo lugar o mércores, 29 de outubro, entre as 10h e as 11.15h. Nela, participaron como relatores catro alumnos de 1º ESO e os integrantes do club de lectura de 2º e 3º ESO. Todos eles traballaron previamente na aula a estrutura do conto de medo, achegándose tamén a unha selección de lecturas que lles proporcionaron ideas para deseñar posteriormente o seu propio texto.  As lecturas foron amenizadas con música de suspense e dramatizadas polos/as relatores. Poderedes gozar do resultado final no podcast que se publicará proximamente na radio escolar ("Cabo de Area nas Ondas").  

Decoración da Biblioteca de secundaria por Samaín

Imagen
 O 29 de outubro os colaboradores da Biblioteca completaron a decoración de Samaín. A Biblioteca converteuse nun lugar máxico, lúgubre e fantástico, cheo de morcegos, cabazas, velas e telas de araña para animar esta tradicional celebración. Neste sentido, a Biblioteca acolleu a exposición de libros de terror e a sesión terrorífica na que se leron os relatos de terror elaborados polo alumnado do centro. Así mesmo, os colaboradores aproveitaron para divertirse xogando coas máscaras e cos obxectos espeluznantes.

Celebración do Día das Bibliotecas Escolares 2025

Imagen
 O pasado venres, 24 de outubro, a Biblio do Cabo celebrou o Día das Bibliotecas Escolares. Para iso, realizáronse diversas actividades: unha sesión de formación de usuarios/as para o alumnado de 1º de educación secundaria e tamén a presentación dos membros do club de lectura para o curso 2025-2026. O alumnado aproveitou para visitar as dúas exposicións que se encontran activas neste momento na biblioteca do edificio de secundaria: a correspondente ao Día das Escritoras e a de lecturas de terror para conmemorar o Samaín.  Velaquí podedes atopar as imaxes.

Sesión de Formación de usuarios na Biblioteca

Imagen
 O venres 24 de outubro tivo lugar a sesión de Formación de usuarios na Biblioteca para o alumnado de 1º ESO. Os rapaces e rapazas coñeceron as instalacións da bilbioteca do centro así como o procedemento para emprestar libros. Durante esta sesión, o alumnado explorou as distintas seccións de libros como a de Historia, Xeografía, Lingua castelá, Lingua galega e Xeneralidades, entre outras. Deste xeito, descubriron un acolledor espazo de lectura que poden visitar durante os recreos, sentando a ler nos divertidos pufs e nos coloridos sofás dos que dispón a nosa biblioteca. 

Recomendacións de lecturas terroríficas para o Samaín

Imagen
 Durante o mes de outubro, a Biblio do Cabo celebrará a festividade do Samaín a través de diversas actividades das que vos iremos informando puntualmente. En primeiro lugar, organizouse unha pequena exposición con obras sobre esta temática, como El fantasma de Canterville , Cazaría salvaxe , O bosque dos raposos aforcados ou El retrato de Dorian Grey .  Podedes inspirarvos nestes textos para participar no certame de relatos de terror que a biblioteca do centro convocará proximamente. 

Día das Escritoras

Imagen
 O luns, 13 de outubro, celébrase o Día das Escritoras. Para conmemorar esta festividade, a Biblio do Cabo preparou unha exposición temática que inclúe obras das autoras máis representativas de literatura galega, española e universal. É caso de Ledicia Costas, Andrea Maceiras, Paula Carballeira, Eva Mejuto, Mary Shelley, Ana Frank, Letitia Colombani, Marjane Satrapi, Holly Jackson, entre outras.  Non deixedes de visitar a nosa exposición e de animarvos a ler algunha das obras!